Ferida grave unha condutora tras incrustrar o seu coche nun gardarraíl

CALDAS>

 

Unha muller resultou ferida grave nun accidente rexistrado esta mañá na N-640 que une Caldas con Vilagarcía. O sinistro produciuse concretamente á altura da parroquia de Godos, na ponte sobre a vía do tren. Ó parecer o vehículo que conducía saíuse da vía e bateu contra a banda de protección viaria. O impacto resultou tan brutal que o gardarraíl atravesou o vehículo e foi preciso que os bombeiros excarceraran á condutora, única ocupante do vehículo. A gravidade do seu estado obrigou a mobilizar ó helicóptero medicalizado do 112 con base en Santiago, que evacuou á ferida ó Complexo Hospitalario da capital (CHUS).