A Garda Civil investiga un incendio que calcinou dous tractores en Outes

OUTES> As imaxes falan por si soas. Esta mañá, aínda non foran retirados do lugar os dous tractores que quedaron totalmente calcinados a consecuencia do lume.

Atopábanse estacionados a carón da estrada, na AC-550, xunto á gasolineira, despois de realizar na tarde de onte diversos traballos de desbroce nas inmediacións.

Ademais dos danos producidos nos tractores, o lume afectou tamén ó cableado que dá subministro eléctrico a parte de vivendas e negocios próximos, quedando sen servizo durante máis de tres horas.

Tamén se veu afectada unha finca próxima, e varias sinais de tráfico. O lume orixinábase ó redor das seis da mañá.

Unha chamada alertaba ós servizos de emerxencias que de contado se personaron no lugar, procedendo á extinción das lapas.

Foi un laborioso traballo que se prolongou por máis de dúas horas. No operativo tomaron parte bombeiros de Boiro, GES de Muros e Noia, Protección Civil de Outes e Garda Civil.

A Garda Civil xa iniciou unha investigación para determinar as posibles causas do incendio.

Todo apunta a que puidera ser intencionado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí