As forzas da orde investigan o asalto á vivenda dos Charlíns

VILANOVA> As agresións ós xornalistas producíronse á chegada dos Charlíns, procedentes do Hospital do Salnés. Ata alí foron trasladados tanto o patriarca da familia como o seu fillo menor despois de seren atacados por dous encarapuchados, que lograron acceder á vivenda. A Garda Civil xa abriu unha investigación.

As forzas da orde están a traballar xa para tentar aclara-lo ocorrido contra as 9 desta mañá na vivenda da familia Charlín, en Vilanova.

Dous encarapuchados armados con escopetas entraron pola forza na vivenda. Tras agredir primeiro a Manuel Charlín, os encarapuchados tamén golpearon ao seu fillo Melchor, que saíu á rúa coa cara ensanguentada pedindo auxilio. Ambos foron trasladados ao Hospital do Salnés para recibir atención sanitaria.

No momento do asalto, a actual parella do patriarca tamén estaba no interior da vivenda. Seica a muller deu liscado do inmoble, segundo apuntan algunhas informacións, saltando por unha fiestra.

Os dous asaltantes, de orixe sudamericana, déronse a fuga. Segundo as primeiras hipóteses, o móbil do ataque sería un roubo en busca de cartos en efectivo. Os presuntos ladróns actuaron con moita rapidez: en cuestión de apenas cinco minutos entraron na vivenda, golpearon aos dous homes e saíron fuxindo.

Ata a casa familiar desprazouse a Policía Local de Vilanova e a Garda Civil. No lugar tamén se persoaron efectivos da Policía Xudicial, que xa se fixeron cargo do caso.