O BNG presenta emendas para recoller as demandas de O Salnés nos orzamentos

    VILAGARCÍA> O BNG de O Salnés non renuncia ao seu intento de conseguir cambios nos orzamentos da Xunta para o 2016. Despois de que a súa emenda á totalidade non saíra adiante no Parlamento Autonómico, a formación presentou esta mañá unha batería de emendas parciais recollendo as necesidades máis urxentes da comarca de O Salnés. Potenciar o emprego, impulsar os sectores produtivos con especial peso do mar e atender os servizos públicos, son as bases deste novo documento.

     

    O BNG insiste: nos seus orzamentos para o 2016, a Xunta de Galicia non atende a gran parte das demandas da comarca de O Salnés. Por iso, despois de que se rexeitara a súa emenda á totalidade, os nacionalistas presentan unha batería de emendas parciais.

    Sanidade, mar e emprego son as tres áreas que contarían con máis partida. Para a primeira, aposta por medidas por valor de 22 millóns de euros, entre elas, unha ambulancia medicalizada para a comarca, centros de saúde para Vilagarcía, O Grove e Illa de Arousa ou a inclusión da vacina meningococo B no calendario. Dous millóns de euros destinaríanse ao Hospital de O Salnés.

    O mar encabeza a súa aposta polos sectores produtivos. A recuperación integral e do marisqueo na ría de Arousa, a instalación de pantaláns nos portos do Xufre e de San Tomé, a recuperación do Saco de Fefiñáns ou un plan contra a mortaldade do berberecho, son algunhas das súas propostas. Os nacionalistas destinarían case 22 millóns de euros a este sector, mentres que o medio rural recibiría preto de 18 millóns.

    A mellora da seguridade viaria na vía rápida do Salnés no tramo entre Sanxenxo e O Grove, a construción do colexio de Vilalonga e a reparación dos centros de Rubiáns, Arealonga, Carril e A Lomba, a remodelación da praza de Vilagarcía ou a elaboración dun plan de emerxencias para Cortegada, son outras das reclamacións que atenden nas súas emendas.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/30/bng_orzamentos_xunta.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/30/bng_orzamentos_xunta.mp4{/flowplayer}