CAMBADOS> O Partido Popular de Cambados impugna quince votos que foron declarados nulos. De saír adiante oito destas reclamacións, o escenario político na vila sería moi diferente. Estes son os votos que separan ao PP do oitavo concelleiro, baixando Somos Cambados a dous. Deste xeito, repetiríase a situación do 2015 no reparto de edís, e Cambados Pode, de José Ramón Abal, volvería ter a chave do goberno.
Oito votos poderían cambiar o rumbo da política local en Cambados. O Partido Popular decidiu impugnar quince papeletas que foron declaradas nulas o pasado domingo. Se oito destas reclamacións foran adiante, os populares recuperarían o oitavo concelleiro.
Se o PP gaña o oitavo concelleiro, Somos Cambados perdería o terceiro que conseguiu na xornada electoral do sábado. Repetiríase entón a situación do 2015: o bloque de esquerdas volvería a contar con oito edís empatando cos populares, e convertendo a Cambados Pode na chave do goberno.
Dende Somos Cambados non cren que esta reclamación dos populares consiga saír adiante.
A formación encabezada por Tino Cordal celebra o seu crecemento electoral, que os sitúa como a segunda forza no casco urbano cambadés, só por detrás do PP. Cren que esta é unha oportunidade para consolidar o cambio na vila, e non desbotan reeditar o cuatripartito do 2015 a pesares dos problemas internos e os desacordos destes anos.
En relación cos malos resultados acadados por En Marea e que contrastan cos de Somos, Cordal considera que o seu proxecto é máis transversal, e que a veciñanza recoñeceu o traballo realizado pola súa formación nos últimos catro anos.