Arranca a campaña de Nadal da FEB con importantes novidades

    BARBANZA> Na campaña tomarán parte ó redor de 350 comercios pertencentes as asociacións de Rianxo, Boiro, Pobra, Ribeira, Noia, Outes e Mazaricos. A campaña comercial da Federación de Empresarios do Barbanza arranca este ano con importantes novidades con respecto a anos anteriores. Unha delas, se cadra a máis importante é que as rifas que se entregaran non serán nominativas, e non haberá que cubrilas para participar posteriormente nun sorteo. Outra das novidades introducidas na campaña este ano serán os premios. Ós tradicionais vales de compra, sumaraselle este ano o sorteo dun coche, que será o premio estrela, e unha televisión Samsung de sesenta pulgadas. Os comercios participantes disporán tamén este ano de adornos identificativos da campaña, que a propia patronal adquiriu a asociación pro saúde mental A Creba de Noia, co fin de darlle tamén á iniciativa un fin solidario. A campaña prolongarase ata o nove de xaneiro. Ese día, se o tempo o permite, efectuarase un sorteo público na praza Castelao de Rianxo. En total distribuiranse medio millón de rifas. Ademais das asociacións participantes Rianxo, Boiro, Pobra, Ribeira, Noia, Outes e Mazaricos, a patronal comarcal contará tamén cunha subvención da consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.