Importante presenza da Deputación de Pontevedra no CULTURGAL

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra presentaba esta mañá a súa participación no CULTURGAL que se celebra esta fin de semana. Entre as estrelas da súa achega a esta feira das industrias culturais están a presentación dunha unidade didáctica que trata a infancia galega dende as obras de Castelao e a exposición “Simbioses entre arte e arquitectura”. A novidade deste ano será a presenza de 34 dos concellos da provincia gracias ao impulso da Deputación para promover as industrias culturais tamén no eido máis local. 

 

A Deputación de Pontevedra participará activamente na oitava edición da Feira das Industrias Culturais. Unha das primeiras actividades que terá lugar e coas que colabora co apoio do Museo de Pontevedra é a presentación dunha unidade didáctica que, pensada para alumnos de secundaria e bacharelato, trata a historia da infancia galega nos tempos de Castelao a través das súas estampas.

Outra das actividades protagonistas do CULTURGAL será a exposición: “Simbioses entre arte e arquitectura” que une nun mesmo espazo ao mellor dos artistas e arquitectos galegos, destacando a microexposición de César Portela que se crea dentro da mesma. 

A exposición non se desmantelará unha vez pasado o CULTURGAL senón que poderá ser visitada ata o vindeiro 10 de xaneiro.

Como novidade, este ano a Deputación deu a oportunidade aos concellos da provincia de participar nesta Feira das Industrias Culturais e 34 dos mesmos estarán representados tamén durante a  fin de semana entre as distintas propostas culturais que se recollen.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/01/culturgal_deputacion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/01/culturgal_deputacion.mp4{/flowplayer}