A andaina contra o cancro de Ribeira reunirá máis de 700 persoas o 24 de maio

RIBEIRA> Ribeira volverá marcha contra o cancro o día 24 de maio. A andaina organizada pola Xunta local da Asociación Española contra o Cancro agarda reunir a máis de 700 persoas. Os fondos recadados destinaranse integramente a investigación oncolóxica.

O 24 de maio terá lugar a cuarta andaina contra o cancro de Ribeira, organizada pola xunta local da AECC en colaboración co concello.

Dende as 11 da mañá, as voluntarias da AECC instalarán un stand no Malecón de Ribeira onde se poderán realizar as inscricións de última hora e a compra de merchandising. Haberá tamén inchables para os nenos e, xa pola tarde, unha exhibición de baile a cargo do colectivo Mimarte previa á saída da andaina prevista para as seis da tarde, encabezada pola AAVV de Carreira e Abraham Benítez, responsables de deseñar o itinerario.

Como cada ano, a andaina servirá para homenaxear a referentes en hábitos saudables. Serán este ano os deportistas Álex Vidal e Juan Ramón Millares.

O prezo das inscricións é de 5 euros para adultos e 3 para nenos. Poden realizarse no local da asociación ou na web www.enmarchacontraelcancer.com