A Alameda e a Praza Maior da Pobra volverán ser titularidade do concello

A POBRA> Portos de Galicia e o concello da Pobra acordaron a reversión dos terreos innecesarios para a actividade portuaria. Pasaría novamente a titularidade municipal toda a zona da Alameda e a Praza Maior así como o treito da estrada que os separa .

Os xardíns Valle-Inclán, a Praza Alcalde Segundo Durán e o Parque do Castelo volverán ser de titularidade municipal. Así o acordaron Portos de Galicia e o concello da Pobra nunha recente reunión para avaliar a delimitación daqueles terreos que, pese a pertencer a dominio público portuario, presentan un uso veciñal e non son necesarios para a actividade profesional do porto.

A proposta, consensuada en base ós criterios técnicos ratificados pola FEGAMP, deberá ser aprobada polo Consello da Xunta e posteriormente polo Consello de Ministros. Os terreos deben ser revertidos primeiro ó estado para  a súa posterior transferencia ó concello da Pobra.

Unha vez se faga efectivo o traspaso de competencias suporá importantes vantaxes a nivel municipal posto que axilizará os trámites administrativos para calquera intervención sobre a zona afectada evitando os permisos que requiría ata agora.