VILANOVA> O Servizo de Gardacostas conta dende hoxe cunha nova patrulleira. Vilanova de Arousa acolleu o acto de entrega, encabezado polo presidente da Xunta de Galicia. Alfonso Rueda sinalou o compromiso da Xunta con dotar ao servizo dunha frota máis moderna e eficiente. Esta é a sexta que se suma ao equipo dende o ano 2018.
Unha nova patrulleira incorpórase dende hoxe ao Servizo de Gardacostas. O acto de entrega celebrouse esta mañá en Vilanova, encabezado polo presidente da Xunta.
Esta embarcación, bautizada Punta Faxilda, é a sexta que se incorpora ao servizo dende o ano 2018. Ademais, o presidente asegurou que a Xunta ten orzamento asignado para outra máis proximamente.
Rueda salientou o traballo que realizan dende o servizo. Están operativos as 24 horas os 365 días do ano. Gardacostas leva salvado as vidas de 1.800 persoas desde hai máis de 30 anos. Ademais, os datos do último ano indican que o Servizo realizou case 10.000 inspeccións, comisou máis de 36.000 aparellos de pesca prohibidos e incautou preto de 28.000 quilogramos de especies mariñas.
O Punta Faxilda, que tivo un orzamento de 1,4 millóns de euros, terá unha tripulación de entre tres e seis persoas e actuará nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. A súa base estará en Portonovo. O Servizo de Gardacostas conta na actualidade con 140 efectivos, dous helicópteros e nove bases distribuídas por todo o litoral galego.











