Catalogan dúas novas especies na ría de Arousa descoñecidas ata o momento

    RIBEIRA> A ardua labor realizada polo Grupo de Estudo do Medio Mariño volve estar de novo recoñecida coa publicación do achado de dúas novas especies na ría de Arousa. Trátase de dúas variedades de vermes planos que, ata o de agora, non foran catalogadas. Os nomes científicos Hoploplana Elisabelloi e Armatoplana Celta denominan ás dúas novas especies catalogadas na ría de Arousa. O nome do primeiro pretende recoñecer a traxectoria da bióloga Elisa Bello, falecida no 2008, mentres que o segundo evoca o pasado celta da nosa terra. Máis alá da súa nomenclatura definen a dous vermes planos de gran importancia polo seu labor de control das especies invasoras. Aínda que os profanos no mundo submarino poidan supoñer que estes achados son froito da mera casualidade; nada máis lonxe da realidade. O avistamento da nova especie nunha inmersión supón tan só o principio dun longo e traballoso proceso de estudo e catalogación que leva anos ata chegar á publicación do descubrimento. Ata catro anos de traballo froito da paixón polo mar dun grupo de afeccionados ó mergullo que no ano 2010 decidían constituírse como grupo. Dende entón poden presumir da súa traxectoria con seis novas especies descubertas e medio cento de animais catalogados que, ata o de agora, non tiñan presenza en augas galegas.