Emedous preestrea con éxito en Rianxo a súa comedia dramática ‘A leituga’

RIANXO> A montaxe, dirixida por Víctor Duplá, está protagonizada por Antonio Durán ‘Morris’, María Vázquez, Xosé Barato, Mercedes Castro e Federico Pérez. A sala Arcos Moldes do auditorio rianxeiro quedouse pequena para acoller a preestrea de ‘A Leituga’, a última montaxe da compañía Emedous. A peza, dirixida por Victor Duplá, trata da problemática das relacións familiares e o reparto dos coidados dun pai que leva en coma varios anos. Entre o elenco de actores que protagoniza esta obra figuran caras moi coñecidas do teatro e do audiovisual galego como é o caso de Antonio Durán ‘Morris’, María Vázquez, Xosé Barato, Mercedes Castro ou Federico Pérez. A preestrea en Rianxo producíase ademais no marco da residencia teatral que a compañía está a desenvolver no auditorio rianxeiro ultimando a montaxe e os ensaios finais previos á estrea oficial da obra, que terá lugar o vindeiro 6 de abril no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Despois da súa estrea na Coruña, a montaxe, unha das máis agardadas da tempada teatral, iniciará unha xira polas principais cidades e vilas galegas, con actuacións xa pechadas en Ourense, Vigo, Vilagarcía ou Outes, entre outras.