O PSdeG reclama trece millóns para investimentos no Barbanza

    RIBEIRA> O PSdeG denuncia a falla de compromiso do goberno da Xunta co Barbanza por destinar unicamente millón e medio de euros á comarca. Pola contra, os socialistas presentaron unha serie de emendas con investimentos valorados en trece millóns de euros. O deputado socialista, Emilio Vázquez Blanco, desprazouse ata Ribeira para dar a coñecer as emendas presentadas polo seu grupo ós orzamentos autonómicos do próximo ano. Reclaman actuacións no Barbanza por valor de máis de trece millóns de euros. Para Noia demandan un investimento dun millón douscentos mil euros, co principal protagonismo para o saneamento da ría. Tamén o saneamento, coa terceira fase en Coroño e a construción dunha nova depuradora acapara a maior parte dos investimentos reclamados para Boiro con cinco millóns e medio de euros. Ribeira precisaría, segundo os socialistas, investimentos próximos ós catro millóns de euros para a construción dun novo xulgado, a circunvalación ou a mellora do centro de saúde entre outros proxectos. En Rianxo preocupa tamén a falla de investimento en saneamento que está a ter consecuencias negativas sobre o sector produtivo da ría. O novo centro de saúde da Pobra, cunha partida de cinco millóns, ou a construción dunha depuradora en Queiruga, Porto do Son, integran tamén a batería de emendas presentadas polos socialistas no Parlamento.