Presentado oficialmente o I Torneo Internacional de Balonmán Terras de Iria

PADRÓN> As instalacións do parque multiaventura Galipark foron escenario do acto de presentación do campionato que se disputará en Semana Santa. Baixo a organización da empresa Galipark e a Asociación Deportiva Carballal de Vigo esta Semana Santa terá lugar a primeira edición do torneo internacional Terras de Iria. Será do 23 ó 27 de marzo, para as categorías infantil, cadete e xuvenil. En total uns vinte e catro equipos tanto masculinos coma femininos, con máis de catrocentos deportistas chegados dende clubs de diferentes países, que xogarán e convivirán neste parque multiaventura. A iniciativa conta ademais coa colaboración dos concellos de Padrón, Rois e Dodro, cuxos alcaldes tamén participaron no acto de presentación do torneo, apoiando esta iniciativa deportiva.