PP, PSOE e BNG piden reflexión nunha xornada na que En Marea xa mira cara a Xunta

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/21/eleccions_pontevedra_salnes.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/21/eleccions_pontevedra_salnes.mp4{/flowplayer}

     

    SALNÉS> Resaca electoral e día de valoracións cos resultados sobre a mesa. A xornada electoral de onte deixou a En Marea como a revelación neste novo panorama político. Na provincia de Pontevedra, a marca galega de Podemos conseguiu situarse como a segunda forza máis votada ao Congreso dos Deputados, só superada polo Partido Popular. A outra cara da moeda, o BNG, que concorría coas siglas de Nós. Os nacionalistas quedan sen representación, con menos do 5% dos votos. 

    As mareas irromperon onte con forza en Pontevedra. A marca galega de Podemos conseguiu dous escanos na provincia, que ocuparán Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, situándose como a segunda forza máis votada. Dende Marea Pontevedra, o seu voceiro Luis Rey, confesaba que xa miran cara a Xunta de Galicia.

    Nunha situación radicalmente diferente amencía hoxe o Bloque Nacionalista Galego. A formación queda fóra do Congreso dos Deputados durante a vindeira lexislatura. Baixo as siglas de Nós, os nacionalistas caen ata ser a última forza na provincia de Pontevedra e na capital.

    Fernández Lores quixo separar a política local da estatal. Non así Jacobo Moreira, voceiro do Partido Popular. O PP mantense como a lista máis votada ao Congreso, con tres escanos e máis do 34% dos votos. Con relación ao 2011, perden un representante pero conseguen posto Ana Pastor, Irene Garrido e Pilar Rojo.

    O Partido Socialista pasa a ser a terceira forza da provincia, con case o 21% dos votos e dous escanos que ocuparán María Dolores Galovart e Guillermo Meijón. Especialmente duro foi o golpe en O Salnés. Por primeira vez na historia, os socialistas caen por detrás de PP e En Marea.

    Pola súa banda, Ciudadanos non consegue escano pola provincia de Pontevedra, pero tanto na capital como en Vilagarcía situouse por riba da marca do BNG.