Ábrese o prazo de inscrición da Arousa Revolution Trail Series

    RIBEIRA> A primeira das citas do circuíto de carreiras de montaña que organiza Arousa NeO será o próximo 31 de xaneiro coa disputa do Trail de San Alberto en Ribeira. Os afeccionados ó mundo das carreiras de montaña xa teñen varias citas marcadas no seu calendario para o vindeiro ano 2016, as correspondentes á Arousa Revolution Trail Series que organiza a asociación Arousa Natureza e Ocio en colaboración coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte. En total serán catro as probas a disputar. Unha en cada concello que integra a entidade supramunicipal e todas elas cunha distancia aproximada entre os trece e os quince quilómetros, un feito que as fai máis participativas. Arousa Neo xa publicou o calendario das catro probas. A primeira terá lugar o 31 de xaneiro. Será o Trail de San Alberto en Ribeira. A segunda cita será en Rianxo, co Trail de Castro Barbudo o 21 de febreiro. A seguinte carreira será en Boiro coa disputa do Trail de Bealo o día 6 de marzo, para rematar na Pobra do Caramiñal o día 3 de abril co Trail de San Isidro. O prazo de inscrición xa está aberto, podéndose realizar xa a través da web www.arousa.com O prezo da inscrición será de trinta euros para completar todo o circuíto ou de oito euros para cada unha das probas de forma individual. A participación poderá realizarse de xeito individual ou por equipos formados por dous participantes, tanto en categoría masculina coma feminina ou mixta. Ademais da clasificación de cada proba individual, establecerase tamén unha clasificación final de todo o circuíto, con premios importantes para os gañadores de cada categoría en cada unha das probas individuais e tamén no circuíto. Dende a organización agardan superan o número de participantes da pasada edición, ó redor dos mil douscentos corredores.