A conselleira de Educación recolle as demandas de colexios de Noia e Lousame

LOUSAME> Carmen Pomar, visitou esta mañá o CPI Cernadas de Castro e o CEIP Felipe de Castro.

No CPI Cernadas de Castro de Lousame, o único do que dispón este municipio, onde cursan os seus estudos amáis de 300 alumnos das etapas de infantil, primaria e ESO, a titular de Educación puido coñecer de primeira man varios programas educativos nos que este colexio é un referente a nivel  autonómico, como é o caso do programa E-dixgal, de educación dixital, implantado este ano para 5º curso de primaria ou o feito de ser centro plurilingüe dende o curso 2016-17, entre outros. Na visita Carmen Pomar tivo tempo tamén   para supervisar o resultado das obras levadas a cabo no colexio que consistiron na a construción dunha nova cuberta exterior, cun investimento de algo máis de 124 mil euros, e recoller tamén as principais demandas da comunidade educativa do centro, que se centran agora na construción dun pavillón polideportivo.

Unha actuación, que a alcaldesa, Teresa Villaverde, agradeceu, agardando a que chegue a bo porto o máis axiña posible, dado as necesidades do centro educativo.

Con anterioridade a Conselleira visitaba tamén o CEIP Felipe de Castro, en Noia, un dos dous colexios da provincia da Coruña nos que o vindeiro ano se vai acometer unha importante obra de rehabilitación integral enerxética  que incluirá a substitución de cubertas e carpinterías, e actuacións en fachadas e luminarias entre outras, cun investimento estimado de medio  millón de euros. Esta actuación sumarase a outras recentes, xa realizadas nestes colexio como foii a construción , en colaboración co Concello, do pavillón polideportivo, xa en uso.