O temporal afunde as esperanzas dos mariscadores de salvar a campaña de Nadal

    POBRA> O temporal que azouta o litoral galego ó longo desta semana fai que os mariscadores apenas poidan traballar. A falla de actividade é especialmente grave en plena campaña de Nadal cando o marisco e o peixe cotizan á alza. Mal peche para un mal ano no marisqueo. Os produtores que agardaban salvar a campaña coas vendas de Nadal topáronse cunha alerta na costa que lles impide faenar, na súa maior parte, coas consecuentes perdas para a súa economía. Esta mañá, os mariscadores da Pobra traballaban con dificultade en varias zonas dos Raposiños, Os Areos e Cabío. Dificultades para apañar os topes, non só polo temporal, senón tamén pola escaseza de bivalvo. Os prezos, din, tampouco son tan elevados como outros anos pero si experimentaron unha pequena suba a dous días da Noitevella. O panorama repítese en moitas confrarías que agardaban decembro para facer o seu particular agosto. É o caso de Aguiño, onde os percebeiros apenas poden saír a traballar dadas as malas condicións da mar. As previsións para o que queda de semana apuntan á chegada dunha nova fronte polo que xa dan a campaña por perdida.