Os amantes do xadrez terán unha cita este sábado na Pobra co II Torneo de Nadal

POBRA> Os locais do Liceo Pueblense acollerán este próximo sábado, en xornada de mañá e de tarde, o segundo Torneo de Nadal de Xadrez organizado conxuntamente polo Club Deportivo Marquiño e o Club de Xadrez Brétema, en colaboración co concello da Pobra do Caramiñal. O torneo estará dividido en dúas categorías: promoción e absoluta. Na primeira poderán tomar parte as categorías máis novas, nados a partir do ano 2000, mentres que a segunda estará dirixida ós que naceran con anterioridade a ese ano. Para máis información ou inscricións os interesados poden contactar co propio departamento de Deportes Pobrense situado no pavillón de Venecia ou ben a través dos propios clubs organizadores.