O BNG augura a desaparición das confrarías coa futura Lei de Acuicultura

    POBRA> O BNG da Pobra comparte o malestar de boa parte do sector do mar en relación á futura Lei de Acuicultura. Ó igual que as agrupacións doutros concellos, levarán a pleno unha moción esixindo a retirada do anteproxecto e a elaboración dunha norma consensuada cos profesionais. Os nacionalistas consideran que, de seguir adiante a tramitación, esta norma suporía o fin das confrarías ó ter que competir con grandes multinacionais. Cren que esta é a auténtica intención que subxace tras este anteproxecto de lei que suporía din, un cambio de ciclo, acabando co modelo tradicional de acuicultura que ata o momento vén funcionando nas nosas rías. Esixen, non só, a retirada do documento que se está a tramitar, senón a elaboración dun plan alternativo que permita incrementar a produtividade e rendibilidade do sector, tomando como base as aportacións dos propios profesionais do mar. Ademais da ameaza para os sectores produtivos, os nacionalistas advirten dos perigos medioambientais que suporá a implantación de plantas acuícolas no litoral xa que, ó ter carácter supramunicipal, os concellos non terán capacidade de decisión sobre a implantación de piscifactorías nos seus termos municipais.