O PP de Noia esixe ó alcalde que se someta unha moción de confianza

    NOIA> O PP de Noia vén de esixirlle ó actual alcalde, Miguel Paz, que se someta a unha moción de confianza. Para os populares o rexedor noiés non conta a estas alturas cos mesmos apoios cos que contaba no momento da súa investidura. As augas seguen revoltas no seo do goberno municipal noiés, onde se vive un clima de certa tensión entre os membros dos dous grupos que o conforman: Partido Socialista e Noieses Independentes Agrupados. Unha tensión evidente xa a todas luces, especialmente coa edil Marisol Villar, ausente por baixa médica dende hai algún tempo da vida municipal e da toma de decisións. Unha circunstancia que pon de manifesto o distanciamento existente entre ambos grupos. Conscientes desta situación o PP da man do seu portavoz, Santiago Freire, vén de esixirlle ó alcalde, Miguel Paz, na última xunta de portavoces, que se someta a unha moción de confianza, ó entender que non dispón do mesmo número de apoios que na sesión de investidura. Dende o Partido Popular vese con certa preocupación estes sete meses de goberno local, nos que se incrementou a débeda cos proveedores situándose ó redor dos 2,5 millóns de euros, froito da parálise do eexeutivo local. O PP noiés levará ó próximo pleno precisamente unha moción para que se debata esta situación e se aporten os informes de intervención mensuais e trimestrais relativos á débeda municipal existente a día de hoxe. Para eles esta situación de ingobernabilidade é unha razón máis que suficiente para que o alcalde se someta a esta moción de confianza e non lle faga perder máis tempo ó pobo de Noia e ós seus veciños, principais damnificados, segundo o PP, da súa inoperante xestión e falla de liderazgo. Noieses Independentes Agrupados ten previsto celebrar mañá martes unha xuntanza da súa executiva, na que de seguro se afondará neste asunto, e se tomará unha decisión consensuada, que será a que este grupo faga pública o próximo xoves, data para a que está prevista unha nova sesión plenaria da corporación, que podería ser a última presidida polo socialista Miguel Paz.