Degustación de lapa na Peregrina

[

PONTEVEDRA> A lapa converteuse esta mañá en produto delicatessen en plena praza da Peregrina en Pontevedra. O molusco foi preparado polos alumnos do Carlos Oroza como parte do proxecto “Investigación e desenvolvemento de novos usos culinarios da lapa” para coñecer o grao de aceptación que ten na sociedade. Tres pratos diferentes e unha única opinión: Excelente.

 

Os alumnos de Formación Profesional do Carlos Oroza de Pontevedra levan meses traballando no desenvolvemento dos usos culinarios da lapa para pór en valor un molusco que temos nas nosas costas pero que apenas consumimos en comparación con outras zonas do sur de España.

Hoxe os alumnos trasladaron a cociña á praza da Peregrina en Pontevedra e en plena rúa fixeron unha degustación e cata de tres preparacións coa lapa como base. Un ceviche, un paté e unha lapa en escabeche que fixeron as delicias dos pontevedreses que afirmaban non tela consumido nunca.

Un dos aspectos máis importantes para o estudo era o grao de aceptación da lapa e atopar un posible nicho de compradores e consumidores do mesmo. Moitos dos que alí o probaron xa tomaron consciencia das novas oportunidades que trae este molusco.