O CPAE 2.0 ao servizo das empresas

PONTEVEDRA> Hoxe tiña lugar a primeira reunión do 2016 entre as catro cámaras de comercio da provincia e a Deputación de Pontevedra para propoñer as primeiras ideas de colaboración coas que obter mellores resultados. Dentro das actividades que o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0, o CEPAE, ven de pór en marcha está un almorzo de traballo o vindeiro día 20 para dar a coñecer entre Pymes e autónomos o uso das redes sociais como canle de venda.

 

Foron moitas as ideas que, segundo a presidenta da Deputación de Pontevedra, se puxeron sobre a mesa na primeira reunión que tivo hoxe coas cámaras de comercio de Vilagarcía, Vigo, Tui e Pontevedra. Ideas que se trasladarán ao Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0, o CEPAE, para chegar dunha maneira máis eficaz a emprendedores e empresarios.

Os 64.000 autónomos e micro Pymes conforman o 92% do tecido empresarial na provincia e é por iso polo que dende a Deputación e as cámaras queren facilitarlles todas as ferramentas posibles para un mellor funcionamento. Unha delas será a posibilidade de consultar aos asesores que o CEPAE ten en cada comarca especializados en sectores distintos dende calquera punto da provincia.

A capacitación tecnolóxica, a titorización en novas tecnoloxías ou o acompañamento no comercio electrónico seguirán sendo claves nas funcións do Centro Provincial de Asesoramento neste 2016. A primeira das súas iniciativas terá lugar o próximo día 20 cun almorzo de traballo no que darán a coñecer e asesorarán aos empresarios no uso das redes sociais como canle de venda dos seus produtos.

Aproveitando a reunión desta mañá, os presidentes das cámaras de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía confirmaron que a fusión dos tres organismos se fará efectiva en día ou como moi tarde en semanas, dependendo dos trámites administrativos. Con esta integración a Cámara Oficial de Comercio pasará a integrar a 80.000 empresas de 55 concellos.