O Partido Popular valora os resultados electorais e asegura ser “a única alternativa a Lores”

PONTEVEDRA> O PP valorou esta mañá os resultados electorais do pasado domingo. Rafa Domínguez presentouse como a única alternativa ao BNG de Lores e indicou que o seu partido deu un paso moi importante para conseguir a alcaldía en catro anos.

Cos datos xa mastigados, hoxe tocaba facer balance dos resultados electorais. E así o fixo o presidente local do Partido Popular. Rafa Domínguez cre que a súa agrupación fixo un gran traballo nos últimos dez meses de reestruturación. Un esforzo que serviu, sen dúbida, para recuperar a ilusión.

Rafa Domínguez conseguiu mellorar os resultados obtidos en 2015 por Jacobo Moreira. Un paso máis para conseguir o seu principal obxectivo, o de converterse en alcalde en 4 anos.

O Partido Popular conseguiu mellores resultados nas parroquias que no centro da cidade. Algo que, segundo o presidente local do PP, foi grazas á campaña electoral.

Agora, o que está por determinar é a posición que tomarán os populares ante a investidura de Lores. Cabe recordar que fai catro anos, o Partido Popular decidiu absterse porque os nacionalistas tiñan a lista máis votada, algo que tal vez non ocorra nesta ocasión.