PONTEVEDRA> Éxito da estrea de ‘Ponte ao Choio!”, unha nova proposta do concello de Pontevedra para mellorar a inserción laboral. No marco do proxecto, varios profesionais axudarán ás persoas inscritas a prepararse para a busca dun traballo: dende facer as fotografías axeitadas ata a confección de videocurrículos, pasando polo deseño do currículo en papel e consellos para afrontar unha entrevista. A convocatoria foi un éxito.
No soto da Casa Azul de Pontevedra atopamos a primeira parada do “Ponte ao Choio”, o programa co que o concello ofrece un asesoramento integral na busca de emprego. A imaxe é importante, por iso a fotógrafa Beatriz Císcar axuda aos inscritos a ter a fotografía máis axeitada para o seu perfil.
Coa fotografía xa lista, os inscritos nesta proposta dan o seguinte paso. Sentan con Noela Quintana, consultora en Recursos Humanos. Con ela analizarán as ferramentas necesarias para crear un currículo único.
A última parada é o set do final da sala. Alí traballan os profesionais de Tamboura Films, para axudar na elaboración de videocurrículos.
Estes profesionais forman un completo circuíto do que os asistentes saen con material novo e totalmente axustado aos seus perfís. Algo fundamental para ter éxito á hora de facerse un oco no mercado laboral.
Esta é a primeira edición de ‘Ponte ao Choio!’ e tivo unha gran acollida entre a cidadanía. Ata 40 persoas inscribíronse parar recibir o asesoramento do circuíto curricular.
‘Ponte ao Choio!’ continuará mañá. Entre as 10 da mañá e as 2 da tarde e as 4 e as 6 os profesionais seguirán co circuíto curricular. A proposta complétase pola tarde, entre as 6 e as 8, co obradoiro grupal ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’.