Fátima Abal e Juan Gil acordan a sinatura dun convenio para a Festa do Albariño

CAMBADOS> A polémica polo horario de peche das casetas da Festa do Albariño 2018 tivo hoxe un novo xiro. A alcaldesa de Cambados e o presidente do Consello Regulador anunciaron nun comunicado conxunto que concello e o órgano vitivinícola asinarán un convenio para a organización da festa. A intención de Fátima Abal é levar o documento á xunta de goberno do luns para a súa aprobación.

Cordial e fluído. Así describiron a alcaldesa de Cambados e o presidente do Consello Regulador o encontro que esta mañá mantiveron en Pontevedra para abordar a organización da Festa do Albariño deste ano.

Fátima Abal destacou a importancia da colaboración entre as dúas institucións, que cristalizará nun convenio que recollerá os compromisos adquiridos por ambas partes. Entre eles, a recuperación da festa para os veciños de Cambados e o intento de regular a afluenza de público ao Paseo da Calzada cumprindo a normativa legal vixente en materia de horarios. Sobre este punto, no centro da polémica dende a semana pasada, Abal asegurou que coincide coa decisión do pleno do Consello Regulador de respectar os horarios de peche segundo marca a norma vixente, aínda que non aclara cal será esta hora de peche.

Pola súa banda, Juan Gil de Araújo asegurou que para o Consello é prioritario manter unha correcta relación institucional co concello. Agora agardan que as cuestións que se abordaron en reunións pasadas sobre a Festa do Albariño se plasmen neste convenio bilateral, e que se dirixan a dignificar a Festa do Viño Rías Baixas Albariño. Por iso continuarán na organización da festa.