Vilagarcía opta a 5 millóns de fondos Feder

    VILAGARCÍA> O concello de Vilagarcía opta a unha nova liña de Fondos Feder. Co proxecto “Vilagarcía Avanza”, o goberno local podería conseguir ata 5 millóns de euros de fondos europeos para avanzar nun modelo de crecemento intelixente, sostible e integrador. De conseguir parte destes cartos, Ravella adiantou que un dos seus destinos serían as melloras en Rei Daviña, para atallar os asolagamentos que sofren os locais desa rúa.

    Solucionar os problemas de asolagamento que padecen os locais da rúa Rei Daviña está entre as prioridades do concello. O último episodio sucedeu o pasado día 14, cando despois das fortes chuvias da noite os comercios erguíanse cos solos cheos de auga.

    Buscar unha solución para Rei Daviña sería unha das actuacións que acometería o concello de conseguir cartos dos fondos Feder. Co seu proxecto “Vilagarcía Avanza”, o goberno local aspira a que lle concedan unha liña de subvencións de ata 5 millóns de euros.

    Na proposta Ravella non recolle proxectos concretos. O primeiro é saber se aceptan a súa estratexia 2015-2020 para Vilagarcía.

    Varela destacou a importancia desta oportunidade, aínda que apuntou que o concello tivo que traballar contrarreloxo para ter a documentación lista a tempo. A convocatoria abriuse no mes de novembro, momento no que arrancou o prazo de seis meses que ten o Ministerio de Facenda para decidir os destinatarios e as contías destas achegas de fondos europeos.