Ravella redactará o proxecto do novo ximnasio do colexio de Rubiáns

    VILAGARCÍA> O concello de Vilagarcía encargarase de redactar o proxecto para o novo ximnasio do colexio de Rubiáns. A petición da Xunta, Ravella farase cargo para axilizar os trámites desta actuación, que realizarán a medias a administración local e a autonómica. Inicialmente, os traballos contarán cun orzamento aproximado de 260 mil euros, e a intención do concello é que os rapaces comecen o vindeiro curso cunha nova aula de educación física.

    Ravella redactará o proxecto para o novo ximnasio do colexio do Rubiáns. Xunta e concello de Vilagarcía chegaron a este acordo para axilizar as xestións.

    A Xunta si que fixo un borrador económico, no que contempla un orzamento aproximado de 260 mil euros asumido a medias entre as administracións local e autonómica. Aínda que as previsións poderían mudar para atender as demandas do centro.

    A intención do goberno local é que as obras arranquen no verán para que os nenos poidan comezar o novo curso estreando aula de educación física.

    Antes de visitar o de Rubiáns, os concelleiros Paola María e Lino Mouriño e o arquitecto da Consellería de Educación visitaron o colexio da Lomba. O entendemento entre Ravella e Xunta fíxose extensivo a este centro, con problemas de filtración de auga. O goberno autonómico comprometeuse a buscar unha solución definitiva; mentres, o concello acometerá pequenas obras para intentar paliar a problemática.