Descontento coa rexeneración do Preguntoiro

    VILAGARCÍA> A situación da praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, preocupa a veciños e concello. Critican o estado das canalizacións das augas pluviais e do areal en xeral, que despois da última intervención quedou sementado de pedras. Tras varios encontros, o alcalde conseguiu o compromiso da Dirección Xeral de Costas de visitar a praia para comprobar sobre o terreo o seu estado e buscar solucións antes do verán que non poñan en perigo a súa bandeira azul.

    O resultado da rexeneración da praia do Preguntoiro non gusta aos veciños de Vilaxoán.

    A última intervención do Servizo Provincial de Costas deixou ao aire pedras e estacas de madeira. Tamén fixo inestables moitas zonas da area, que afunden co peso, sementando de perigos un areal con bandeira azul. Tampouco convence o colector de augas pluviais.

    O concello tampouco está satisfeito co resultado da rexeneración que se fixo entre os meses de novembro e decembro.

    Por iso reclaman a Costas unha nova actuación antes do verán, para que O Preguntoiro non vexa en perigo a súa bandeira azul.

    Polo de momento, o alcalde conseguiu o compromiso do Servizo Provincial de volver visitar o areal para resolver as deficiencias desta última intervención.