VALGA> Valga segue avanzando para facer realidade o seu proxecto de rexeneración da lagoa de Porto Piñeiro. Xa están en marcha os traballos de construción da piscina, que contan cun orzamento de algo máis de 900.000 euros. Os cartos proceden de fondos da Deputación de Pontevedra: do Plan Extra e do Plan Máis Provincia. Hoxe celebrouse o levantamento da acta de replanteo da actuación.
A maquinaria avanza na obra de rexeneración da lagoa de Porto Piñeiro, en Valga. Hoxe o ambicioso proxecto abriu unha nova fase: a construción da piscina, a rehabilitación e rexeneración dos noiros laterais e o acondicionamento dos terreos da zona norte.
A actuación conta cun investimento superior aos 900.000 euros. Proceden de fondos da Deputación de Pontevedra. Son 700.000 correspondentes ao Plan Extra e 200.000 do Plan +Provincia.
Este mediodía celebrouse o levantamento da acta de replanteo de esta actuación, a segunda que se realiza nesta fase do proxecto. Arrancou a finais de agosto coa execución da praia artificial, que foi posible grazas a 575.000 dos fondos europeos Next Generation.
O proceso de rexeneración desta antiga mina de extracción de arxila comezou no 2023. Dende o concello aspiran a convertela en parte da oferta turística de Valga.
Ademais, está a piques de adxudicarse o terceiro proxecto de 615.000 euros. Financiarase tamén con fondos da Deputación a través do programa Pon2030. Trátase dunha continuación das sendas peonís e ciclabes que bordearán o perímetro da lagoa.











