Xunta e concello buscan unha ‘solución técnica’ para desbloquear as obras da praza

    VILAGARCÍA> A Xunta comprométese a buscar unha solución que permita desbloquear a reforma da praza de abastos de Vilagarcía. Tras un encontro que mantiveron esta mañá, o Conselleiro de Cultura e o alcalde destacaron a boa sintonía entre ambas administracións, e aseguraron que se está a buscar unha solución técnica para que os traballos poidan retomarse canto antes.

    Boa sintonía entre a Dirección Xeral de Patrimonio e o concello de Vilagarcía para resolver o bloqueo da segunda fase da reforma da praza de abastos. Despois dun encontro celebrado esta mañá na vila, ambas administracións acordaron buscar unha solución técnica que permita continuar os traballos.

    Foi a propia Dirección Xeral de Patrimonio a que fixo inviable a segunda fase. O organismo esixía a reposición da escaleira central, que fora derrubada na primeira intervención. Algo imposible, xa que a zona está agora ocupada polos novos postos.

    Tralo encontro de hoxe, nin alcalde nin Conselleiro quixeron adiantar as posibles solucións.

    Tampouco deron prazos, aínda que aseguraron que a súa intención é solucionar o problema o antes posible para poder pór en marcha esta segunda fase.