Ence desmantela o campo de Praceres

PONTEVEDRA> Por sorpresa, e ante a ollada atónita dos xogadores e directiva do San Andrés, as máquinas de demolición entraron no campo de fútbol de Praceres, en Pontevedra, para desmantelalo. A pasteira Ence cumpre así o ditame que Costas inclúe no expediente de caducidade da empresa, e causa un fondo malestar entre os usuarios do entorno, xa que se quedan sen alternativas. O concello di que é Ence a responsable de buscar esa solución.

 

Hai meses que os xogadores do San Andrés de Lourizán teñen que desprazarse ata Marín e A Xunqueira para adestrarse e xogar os seus partidos. O progresivo abandono ó que se someteu o seu campo, o de Praceres, fixo imposible seguir empregándoo. Era o anuncio da súa desaparición. A que comezou onte e seguía esta mañá coas máquinas demoledoras traballando no desmantelamento da instalación.

 

A pasteira Ence é a responsable de levar a cabo esta actuación. E faino en cumprimento dun ditame de Costas no que se di que a instalación non entra no título concesional da pasteira.

 

A medida colleu por sorpresa a directivos e xogadores do San Andrés, que esta mañá ollaban como se esvaecía o único campo co que contaban na parroquia. Unha parroquia esquecida, din, e en progresivo deterioro.

 

Desde o concello aseguran que quen ten que ofrecer unha alternativa ós veciños de Lourizán é Ence.

 

E esta mañá insistían en que están a comprobar se a actuación conta co preceptivo permiso de demolición.

 

 

Mentres os xogadores do San Andrés seguirán sen campo propio.