Os traballadores do sector das ambulancias inician unha folga para reclamar un novo convenio

PONTEVEDRA> Ás portas do Pazo Provincial agardaban representantes do sector de ambulancias. Hoxe comezaron unha folga en toda Galicia para denunciar a parálise do convenio e reclamar un incremento do IPC. Máis tarde, co acto xa empezado, protestaron tamén ás portas da Deputación representantes do sector do metal da provincia de Pontevedra.

Traballadores do sector de ambulancias aproveitaron a sesión de investidura da nova corporación da Deputación de Pontevedra para facerse oír. Hoxe manifestáronse ás portas do Pazo Provincial.

A protesta coincidiu coa primeira xornada de folga que se iniciou en toda Galicia. Un paro que terá continuidade mañá venres e os días 19, 20 e 21 de xullo. Denuncian a parálise do convenio e reclaman un incremento do IPC, que superou o 12% nos últimos anos.

Tamén demandan máis recursos para desenvolver o seu labor. Reclaman un incremento de ambulancias para poder atender as urxencias.

Pola súa banda, o presidente da Xunta asegurou que se trata dun conflito laboral entre empresas privadas e os seus traballadores.

Xa co acto comezado chegaron á Deputación de Pontevedra represtantes dos traballadores do sector do metal da provincia pontevedresa. Hoxe celebraron a súa quinta xornada de folga para demandar á patronal que sente a negociar un novo convenio con melloras salariais e laborais.