Mar regula a explotación dos recursos específicos en toda Galicia

    GALICIA> A Consellería do Mar regula, pro primeira vez, a explotación de recursos específicos en toda Galicia. Ata o momento tan só existían plans de xestión para especies como o percebe e a miñoca. Sen embargo, agora regularase tamén a explotación de navalla, ourizo, orella de mar ou algas. O Diario Oficial de Galicia publica a orde para a xestión dos recursos específicos en toda a costa galega, entre os que se inclúen equinodermos, solénidos, algas, peneira ou anémonas. A través desta norma pretende promover unha explotación sustentable destas especies que, a excepción do percebe e a miñoca, non contaban cunha regulación específica. O texto recolle os requisitos para a obtención dos permex e a súa renovación, tendo que acreditar non só o setenta por cento da actividade senón tamén a participación nas tarefas de limpeza e vixilancia. Tamén se regula o contido mínimo dos plans de xestión, o proceso de elaboración e aprobación e o seu desenvolvemento. Así, os plans presentados polas entidades deberán incluír accións formativas encamiñadas a promover a conservación dos recursos específicos, medidas para minimizar o impacto ambiental da actividade marisqueira e a protección da biodiversidade. Tamén se establece o trinta de setembro de cada ano como data límite para a presentación dos plans. Esta orde foi elaborada tras varias xornadas de traballo nas que a Consellería consultou os seus contidos co sector.