Desaparecido un mariñeiro tras envorcar a súa embarcación na contorna de Ons

A ILLA> Un mariñeiro da Illa de Arousa continuaba desaparecido ao peche desta edición tras un novo accidente marítimo na contorna da Illa de Ons.

A embarcación Rosa, con base no porto arousá, envorcou tras sufrir un golpe de mar cando navegaba ao norte do arquipiélago. Dous dos tres tripulantes chegaron a nado ao illote do Centulo. Dende alí, o patrón conseguiu chegar a pé ao núcleo de Ons para pedir axuda. Tras dar aviso ao centro de Salvamento Marítimo de Fisterra, púxose en marcha un dispositivo de busca para localizar ao terceiro dos tripulantes, aínda que as condicións do mar complicaban a busca.

Ao peche desta edición o helicóptero Pesca I, a embarcación Paio Gómez Chariño, da Xunta, o Salvamar de Sargadelos, o Helimer e a embarcación Corvo Mariño da Garda Civil participaban no operativo. Tamén se uniron outros barcos de confrarías e asociacións de mexilloeiros.

Os dous supervivintes foron trasladados ata o porto de Portonovo, e despois ao centro de saúde da vila para recibir asistencia médica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí