Non ó presuposto, si a 1,2 millóns en obras

    VILAGARCÍA> Tal e como estaba previsto Vilagarcía terá que esperar ó luns para ver aprobados os presupostos do 2016 en xunta de goberno. O PSOE non obtivo no pleno de onte o apoio dos grupos da corporación neste punto, pero si conseguiu sacar adiante unha modificación de crédito por valor de 1,2 millóns de euros que lles permitirá desbloquear actuacións urxentes como o ximnasio do CEIP de Rubiáns ou as melloras da praza de abastos.

     

     

    O primeiro pleno do ano en Vilagarcía cumpriu o guión previsto. O punto estrela do debate era a aprobación dos Presupostos para este 2016. E como tódolos grupos se preocuparon por avanzar en días anteriores, ningún respaldou a proposta. Falta de consenso ou ausencia de proxecto político foron algúns dos argumentos esgrimidos.

     

    Máis incendiario se amosou o voceiro do Partido Popular, que non perdeu ocasión de lembrar ós socialistas que o seu é un goberno en minoría, e que se saíu adiante a organización é polo pacto asinado precisamente co PP. Pacto, que segundo Tomás Fole, non se está a cumprir.

     

    Malia o voto en contra da oposición, as contas,que ascenden a 26 millóns de euros, sairán adiante o luns, coa aprobación en xunta de goberno. Un trámite que permite a nova lei de administración local.

     

    O que si conseguiu levar adiante o goberno de Varela foi a aprobación dunha modificación de crédito valorada en 1,2 millóns de euros procedentes de remanentes de obras e préstamos sen gastar desde o 2004. Os votos a favor do PSOE e dos dous edís do BNG, xunto á ausencia de Juan Fajardo, de Esquerda Unida, permitiron aprobar o punto.

     

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/29/plenopresupostosvilla3.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/29/PLENO_VILAGARCIA_290116.mp4{/flowplayer}