Thenaisie, abocada á liquidación

O GROVE > Futuro negro para Thenaisie. A conserveira meca vese abocada á liquidación logo da ruptura das negociacións entre a súa propietaria, unha empresa romanesa, e o empresario vigués Alfonso Caneiro.  A CIG sospeita que o concurso de acredores foi deseñado dende un primeiro momento coa intención de liquida-la compañía. A central nacionalista convoca para mañá ás traballadoras para analiza-los seguintes pasos na batalla polos postos.

Thenaisie enfróntase a unha situación límite. A conserveira meca vese abocada á liquidación, logo de que rachasen as negociacións entre Scandia, compañía romanesa á que pertence, e Alfonso Caneiro, investidor vigués que presentara a única oferta que había sobre a mesa.

Pero a compañía romanesa rexeitou esa oferta. Para a CIG, a única intención de Scandia é liquida-la empresa. Cren que o concurso de acredores foi deseñado dende un primeiro momento con esa intención e cun obxectivo claro.

Á espera das novidades, a central nacionalista avanza que dará a batalla polos postos de traballo e a continuidade da actividade.

Máis alá da mala actitude dos responsables de Scandia, a CIG tamén pon en entredito o papel da Xunta. A Consellería de Industria asegura que seguirá traballando para buscar unha solución. Rosa Abuín, entre tanto, lamenta que o goberno galego se deixase mangonear polo bufete de avogados contratado pola compañía romanesa.  Carga tamén contra CCOO e o alcalde do Grove.

Mañá, a CIG vai reunir ás traballadoras de Thenaisie para analiza-los seguintes pasos a dar ante o novo escenario que se presenta.