A xustiza disipa calquera dúbida sobre a xestión da confraría de Noia

    NOIA> A xustiza volveu dar a razón á confraría de Noia ratificando que non existiu irregularidade algunha no pesado e na xestión do marisco sobrante. Trátase do segundo fallo xudicial, emitido desta volta pola Audiencia Provincial, que disipa as dúbidas sobre as presuntas irregularidades do pósito. O cabildo noiés está de noraboa despois de que a xustiza recoñecese, por segunda vez, que non existiron irregularidades na xestión económica da confraría. Lonxe disto, a sentenza xudicial establece a exactitude do pesado das capturas e a boa xestión do marisco sobrante que beneficia economicamente a todo o pósito. A denuncia que levou a este proceso xudicial fóra presentada por un grupo de socios meses antes das eleccións á directiva do pósito. O patrón maior, que revalidou o seu cargo nas urnas, non ten dúbida que se baseou en intereses electoralistas. Tras obter a razón en sede xudicial, a directiva do pósito non descarta emprender accións legais para restaurar os danos que lle ocasionaron ós seus membros estas acusacións infundadas.