Noia recupera a tradición dos cantos de taberna

NOIA> O concello de Noia traballa na recuperación dos cantos de taberna a través do programa ‘Noia Canta’. Durante este primeiro trimestre do ano desenvólvense obradoiros de cantos populares que despois se levan á práctica en establecementos hostaleiros da vila.

Co obxectivo de evitar que se perda esta senlleira tradición e impulsar os cantos de taberna de cara á festa de ‘Pon un Sancosmeiro’ que se celebra en agosto, o concello de Noia vén de poñer en marcha o proxecto ‘Noia Canta’.

Os venres, cada quince días, un grupo de quince persoas participa nun obradoiro sobre cantos populares. Ó remate, interpretan o aprendido en dous bares da vila, acompañados de grupos de música tradicional.

A experiencia iniciouse xa o pasado venres cun gran éxito de participación polo que o concello plantéxase estender a iniciativa durante todo o ano.

A vindeira cita será o venres vinte e catro na Taberna da Pepa ás dez e na adega do Pazo ás once co acompañamento musical de Canlebó.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí