MUROS> A corporación municipal muradá aprobou na última sesión plenaria unha modificación de creto que permitirá acometer a rehabilitación do emblemático Cine París. O punto saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno e o BNG e a abstención do Partido Socialista e Partido Popular.
A rehabilitación do Cine París está máis preto de materializarse, grazas ó acordo da corporación municipal, que deu o visto bo, no último pleno, a unha modificación de creto por importe duns 57 mil euros. Esta cantidade é a que debe aportar o Concello para seguir adiante co proxecto de restauración deste inmoble que será financiado pola Deputación da Coruña e evitar así o seu paulatino deterioro.
Segundo sinalou a propia alcaldesa, trátase dun edificio emblemático, que virá a dar resposta a unha histórica demanda, que será convertido en centro sociocultural.