O cultivo do mexillón atrae a numerosos visitantes á comarca

    BOIRO> Unha ducia de turistas tiveron o privilexio de coñecer en Cabo de Cruz, Boiro, tódolos segredos do proceso de cría do mexillón, desde que se obtén a semente ata a súa extracción. Fixérono da man dun dos mellores expertos no tema. José Fontaine traballou no mar toda a súa vida. Agora está xubilado e cada mércores do verán dedícase a transmitir á xente de interior, como el nos conta, o traballo que realizou durante 40 anos. E o que é máis importante, unha actividade coa que nós, os que asistimos a ela, aprendemos dos que máis saben, da voz da experiencia. A maxistral clase tivo lugar neste espazo “Mar de Boiro” do peirao de Cabo de Cruz onde unha exposición sobre as artes do mar antigas amosa aqueles aparellos que se empregaban no pasado e que na súa maioría xa caeron en desuso. José transmite coñecemento, pero aínda que non o busque, tamén a súa paixón polo mar. Unha opción turística que supón o mellor xeito de coñecer e achegarse non só a un territorio fermoso, senón tamén ao noso pasado e a nosa forma de ser e vivir.