A FEB pide tamén a retirada da Lei de Acuicultura

    BARBANZA> A Federación de Empresarios do Barbanza vén de mostrar tamén o seu rexeitamento ó anteproxecto da lei de acuicultura. Súmase así a postura mantida por numerosos concellos e outras entidades contrarias a esta proposta. Aínda que non representa ós propios produtores, dende a patronal comarcal considéranse suficientemente lexitimados expresando o seu compromiso na defensa das empresas transformadoras dos produtos derivados da pesca e da acuicultura, sobre todo as conserveiras e as empresas do sector de conxelados, que tamén poderían verse afectadas. Por esta razón dende a FEB faise unha chamada para que a Xunta de Galicia e o sector, tanto produtivo como transformador, procedan a establecer unhas canles de entendemento e negociación, para que a futura lei de acuicultura vexa a luz froito do consenso coas partes implicadas e se adecúe ás propias necesidades do sector.