O sector do mar reclama un paro da actividade marisqueira por forza maior

RIANXO> Dende hai unha semana a confraría de pescadores de Rianxo mantén o peche da súa actividade marisqueira, como tamén fixeron a maioría dos pósitos arousáns. O patrón maior, Miguel Ángel Iglesias, afirmou que por riba de todo está a saúde dos traballadores.

Segundo nos confirmou, a día de hoxe no pósito rianxeiro xa hai confirmados dous positivos por coronavirus. Aínda así, ó problema sanitario, úneselle tamén a falla de mercado para o seu produto, o que provoca unha baixada moi notable dos ingresos.

O patrón maior rianxeiro non entende tampouco as razón polas que a Xunta mantén ó marisqueo coma un ben de primeira necesidade.

Por esta razón demanda un paro por forza maior para que os mariscadores se poidan acoller a algún tipo de axudas.

Outra das incógnitas, segundo el, é o tempo que durará esta situación, polo que agardan un cambio na postura da Administración, e se decida finalmente decretar un cese de actividade para así darlle unha saída viable ós miles de mariscadores afectados tamén pola crise do coronavirus.