O coronavirus leva por diante a ‘festa’ do Albariño 2020

CAMBADOS> Xa o sabiamos. Este ano non haberá Festa do Albariño como a coñecemos dos últimos tempos. Si que haberá unha cita, Albariño 2020, que conserva as actividades máis vencelladas ao sector vitivinícola: a cata-concurso da colleita de 2019 e o túnel do viño. Esta mañá, concello de Cambados e Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas asinaron un convenio de colaboración para levalas adiante.

Neste 2020 haberá Albariño en Cambados. Iso si, sen festa. O concello está decidido a evitar que a tradicional cita poida converterse nun risco para a saúde tendo en conta a situación sanitaria derivada da COVID-19.

O concello si colaborará co Consello Regulador da DO Rías Baixas na organización das actividades que se manterán. Unha delas será a cata-concurso dos albariños da colleita do 2019, escollendo os tres mellores.

A entrega de premios tamén muda formato. Da cerimonia posterior ao Xantar do Albariño que sempre se celebraba nos xardíns do Pazo Torrado e que este ano se cancela, pasan a un pequeno acto que terá lugar no Salón José Peña. Este espazo acollerá tamén a outra actividade que resiste ante as restricións da COVID-19: o túnel do viño.

Deste xeito, o Consello Regulador busca manter alomenos os aspectos profesional e promocional da cita.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí