A Pobra elabora un inventario de camiños municipais

    POBRA> O concello da Pobra vén de elaborar o inventario de camiños municipais co fin de establecer a titularidade e o estado de tódalas vías do concello. Nos próximos días abrirase o prazo de presentación de alegacións para os afectados que non estean de acordo co documento inicial. O obxectivo deste documento, elaborado por unha empresa especializada, é contar cun rexistro exacto de tódalas vías municipais. Deste xeito, evitaranse os conflitos veciñais en torno á titularidade de camiños e permitirá ó concello manter en axeitadas condicións tódalas vías públicas. Unha vez se publique o documento no Boletín Oficial da Provincia ó longo desta semana, abrirase o prazo para a presentación de alegacións. O concello habilitará un servizo de asesoramento ós propietarios afectados e realizará unha rolda de actos informativos para presentar o documento. Trátase dun documento de competencia municipal con flexibilidade para mudar o seu contido, naqueles casos nos que existan dúbidas sobre a titularidade dos camiños ou a súa afectación sobre outra propiedades. Aínda así, o concello pretende dotalo de estabilidade polo que tentará darlle a máxima difusión neste período de exposición pública.