A Pobra idea un prototipo para optimizar a recollida de pellets

A POBRA> Ademais de coordinar os operativos de limpeza, os concellos están a tirar de imaxinación para perfeccionar o sistema de recollida. No caso da Pobra veñen de patentar un triplo cribado que permitirá facilitar a ardua tarefa de recoller os pellets de plástico minimizando os danos sobre o medio natural.

Persoal de Protección Civil e do departamento de Medio Ambiente da Pobra está a probar estes días nas praias un novo dispositivo para a recollida de pellets. A estrutura de madeira permite un triplo cribado para separar as bolas do resto de material orgánico. Por último, incorpora un sistema decantación con auga doce para que os plásticos saian a flote.

Malia que se atopa aínda en fase experimental, o prototipo está a dar moi bos resultados permitindo retirar moita máis cantidade de residuo en menos tempo.

Tras esta fase de probas incorporaranse melloras para corrixir as posibles eivas detectadas para patentar este sistema que podería ser de gran axuda para loitar contra a marea plástica que ameaza as nosas costas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí