Alfonso Castro non seguirá á fronte da ARE

    RIANXO> O actual presidente da patronal rianxeira presentou a dimisión e convocou novas eleccións debido ás discrepancias existentes no seo da entidade. Apenas dous anos despois de asumir a presidencia da ARE, Alfonso Castro, decidiu arroxar a toalla e presentar a súa renuncia a seguir dirixindo a entidade. Ó parecer a marcha de varios membros da súa actual directiva disconformes coa xestión así como a recente creación de varias asociacións de comerciantes que agrupan por unha banda ós locais da zona da Martela e por outra os do propio casco urbano, poderían estar detrás desta decisión. O propio Castro asegurou que non ten intención de presentarse á reelección e que non quere ser obstáculo algún para a entidade nin tampouco para ningún dos seus socios. Polo de agora seguirá asumindo en funcións as rendas da entidade ata que non se celebren os novos comicios. A data elixida é o próximo 24 deste mes de febreiro. O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto podéndose realizar ata o vindeiro mércores ás dúas da tarde como data límite. Polo de agora non hai ningunha candidatura presentada para asumir as rendas da patronal rianxeira.