O concello de Noia reclama á Xunta o pago dos intereses de demora polas expropiacións para conectar o corredor Brión- Noia coa AC-550 en Taramancos. O importe reclamado ascende a preto de vinte e seis mil euros, ós que habería que sumar os intereses de demora dende novembro do pasado ano, cando se realizou o último pagamento. A piques de rematar o seu mandato pola moción de censura que se debaterá o próximo mércores, os socialistas de Noia están a realizar as últimas xestións no concello. Unha delas é a reclamación do pago dos intereses de demora polas expropiacións realizadas para a conexión do corredor Brión-Noia coa AC-550 no lugar de Taramancos. A Xunta iniciou os pagos en xullo de 2010, xa que o xustiprezo non se fixou ata abril dese mesmo ano. Sen embargo, a data de declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos terreos foi o quince de setembro de 2009. O pago, unha contía total de cento sesenta mil euros, realizouse en cinco prazos entre o 2010 e o 2015 o que eleva os intereses ata máis de vinte e cinco mil euros. Dado que o último pago realizouse o pasado novembro, o concello reclama tamén os intereses de demora pola demora, á súa vez, no pago das contías devengadas.
Inicio Barbanza - Muros - Noia