O concello de Boiro agarda iniciar a reforma da Casa da Cultura este ano

BOIRO> O concello de Boiro agarda comezar as obras de reforma da Casa da Cultura da Cachada antes de que remate o ano. O proxecto, cun orzamento próximo ós catro millóns de euros, está en fase de licitación.

O executivo boirense segue a dar pasos para avanzar no que será o gran proxecto da lexislatura. Vén de sacar a licitación a  reforma da casa da cultura da Cachada co obxectivo de adxudicar o contrato nos próximos meses e iniciar as obras ó longo deste ano.

Esta actuación, cun investimento próximo ós 4 millóns de euros, suporá unha fonda transformación non só no que respecta ás instalacións senón tamén á programación cultural á que poderá optar o municipio.

En paralelo, o concello traballa na mellora dos centros sociais das parroquias para achegar a cultura a todo o municipio. As próximas intervencións desenvolveranse en Cures e Cabo de Cruz.

A pesar do innovador e ambicioso do proxecto, non conta co respaldo unánime da sociedade. O presidente da recentemente constituída asociación de xubilados de Boiro, Manuel Velo, vén de presentar unha reclamación contra a aprobación do suplemento de crédito para acometer a reforma.

Alega, no seu escrito, o custo desmesurado que suporá a demolición da actual casa da cultura de a construción do novo edificio, co consecuente endebedamento para as arcas municipais. Alude, neste sentido, ás advertencias do departamento de intervención sobre o empeoramento do déficit que obriga á redacción dun plan económico financeiro nun prazo máximo de tres meses.