AMICOS conta cunha aula de estimulación sensorial grazas a Jealsa

    BOIRO> O Conselleiro de Política Social inauguraba este mediodía a aula de estimulación sensorial da residencia de AMICOS en Comoxo. As novas instalacións levan o nome de Jealsa, en recoñecemento á empresa que fixo posible o seu equipamento grazas ó seu compromiso coa entidade. Ós vangardistas equipos e recursos con que conta a residencia de AMICOS en Comoxo súmase agora unha nova aula de estimulación temperá que permitirá ás persoas con autismo adquirir novas destrezas a través das novas tecnoloxías. A posta en marcha deste servizo, inaugurado este mediodía, foi posible grazas á colaboración do grupo empresarial Jealsa Rianxeira que dende hai anos vén colaborando con AMICOS en numerosos proxectos enmarcados na súa política de compromiso social. Ademais do inestimable apoio empresarial, a construción e posta en marcha da residencia precisou e precisa do compromiso das administracións. Nesta liña, a presidenta da asociación amosouse moi agradecida posto que o conseguido ata o momento ten superado con creces as expectativas iniciais. Aínda así, lembrou que é preciso seguir contando co apoio de tódalas institucións. O conselleiro anunciou o incremento do orzamento do seu departamento para que os concellos dispoñan de máis recursos para os servizos sociais así como o incremento do número de prazas para persoas con autismo.